Sunday 05 de May de 2024

O Concello adxudica os traballos para a creación do novo carril bici da avenida da Habana e Gregorio Hernández


A XGL aprobou a contratación do servizo de mantemento, conservación e reparación de beirarrúas e mobiliario da zona sur

O Goberno local concedeu licenza de obra á Fundación Amancio Ortega para a construción dunha residencia de maiores en Eirís

O Concello da Coruña celebrou este venres unha Xunta de Goberno Local extraordinaria na que se aprobaron proxectos en materia de mobilidade e que mellorarán a atención social na cidade. Unha delas foi a adxudicación da construción do novo tramo de carril bici, que ampliará a rede xa existente na contorna do estadio de Riazor e Cidade Xardín.

Este novo percorrido, de 1,2 quilómetros e bidireccional, pasará pola avenida da Habana e a rúa Gregorio Hernández, conectando co carril bici que bordea o Paseo Marítimo. Ademais, no contexto dos traballos, aproveitarase para renovar a contorna de Riazor e readaptaranse tamén as paradas da rede de autobuses para facelas máis accesibles á cidadanía.

As obras contarán cun orzamento de 550.000 euros e terán un prazo de execución de doce meses. Estes traballos forman parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e está financiada con fondos europeos Next Generation. “Con esta actuación damos continuidade ao noso modelo de cidade, baseado nunha mobilidade sostible que conte con infraestruturas seguras e eficaces como neste caso”, sinalou a alcaldesa Inés Rey na rolda de prensa posterior á XGL.

Nese sentido, esta semana botou a andar o novo servizo de BiciCoruña, que xa conta con máis de 1.200 altas e 300 novos usuarios. A semana que vén continuarase coa instalación das novas estacións, incorporando oito novas que darán servizo a diferentes puntos da cidade. A previsión é que antes de que finalice o ano haxa 55 estacións repartidas polos barrios da cidade.

Mantemento Zona Sur

Por outra banda, acordouse a autorización da tramitación urxente do expediente para a contratación do servizo de mantemento, conservación e reparación de firmes de beirarrúas e áreas peonís da cidade, así como o mantemento do mobiliario urbano, da Zona Sur. Este era un dos contratos que houbo que resolver pola entrada en concurso de acredores da anterior empresa.

“O Goberno local puxo inmediatamente en proceso de licitación o novo contrato, que hoxe tramitamos. Durante este período intermedio, puidemos seguir executando obras de emerxencia e dando servizo sen maiores dificultades”, apuntou Inés Rey.

O novo contrato conta cun orzamento de case 2 millóns de euros anuais e unha duración de dous anos prorrogables por outros tres anos ata un máximo de cinco.

Residencia en Eirís
Por último, aprobouse tamén a licenza á Fundación Amancio Ortega para a construción dunha residencia de maiores na rúa Castaño de Eirís, que se solicitou en febreiro deste ano. Este novo equipamento edificarase no lugar onde se atopaba a antiga gardería Virxe do Carme, que foi derrubada.

Este edificio terá unha capacidade para 150 persoas e a parcela ten unha superficie de case 10.000 metros cadrados. O edificio contará con soto, planta baixa e tres alturas. Os andares primeiro, segundo e terceiro dedicaranse ás habitacións, 51 dobres e 48 individuais.

O orzamento de execución é de 10,7 millóns de euros e o seu prazo será de 36 meses. “Con este novo equipamento, a nosa cidade contará con maior capacidade para atender aos nosos maiores grazas á vontade e ao labor da Fundación Amancio Ortega”, dixo a rexedora.